domingo, 22 de abril de 2012

3 segundos



Tres segundos é o que dura o acto sexual do tapir, a memoria do peixe dourado, o meu agora. É o tempo en que o cerebro duns cantos elexidos tarda en tomar unha decisión. Son só tres segundos, pero son os tres segundos, o instante no que ocorrerá algo que lamentarás sempre. Non debiches xirar á esquerda naquela rúa, se o teu fillo saise a tempo aquel coche non se tería cruzado no teu camiño, se non parases a mercar o pan, se quedases durmida, se el quedase durmido... Pero non, aquel día o mundo simplemente conspirou contra ti. E agora, terás que pagar as consecuencias dun Deus caprichoso que che funde a cabeza na auga cada vez que ti intentas saír a respirar; e ti só podes gritar.
Xogar ás víctimas nunca che gustou. Prefires poñer os guantes e saír a boxear. O gancho de Deus é forte pero érgueste e, co nariz roto, alónxaste das cordas e dáslle unha patada nos baixos. Xogar sucio é a clave, só os cobardes seguen as reglas. A hipocresía é o teu opio, a insensatez a túa arma máis letal. O teu escudo é xa un coador, pero cada golpe e cada bala alimentan o teu odio que crece coma unha hedra e arrasa todo ao seu paso: apodrece as rosas, mata as mariposas e coa seguinte semente convertirate en pedra.  Selarache os beizos e catatónica, morrerás cos ollos abertos e o corazón pechado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario